Tema 2. Marco común europeo de referencia para as linguas. Obxectivos, métodos e prioridades da política lingüística europea (Carla)
Edulingüe 2030
Na sesión dedicada a explicar o tema 2, falamos do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas e sobre os distintos obxectivos, métodos e prioridades da política lingüística europea. Relacionado con este tema, a docente introduciu Edulingüe, un programa que non coñecía e que chamou a miña atención. Polo tanto, estiven a investigar máis polo miúdo sobre o programa e os seus obxectivos.
Estiven investigando e atopei a Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras Edulingüe 2030: Edulingüe 2030. Este documento de trinta e catro páxinas está actualizado e contén os principios e retos que se queren conseguir ata o 2030 con respecto ás linguas estranxeiras. É unha estratexia realizada pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, que teñen como eixes principais expandir e afianzar a internalización do sistema educativo galego para favorecer a cidadanía global.
O documento consta de diferentes apartados realmente interesantes e concretos. Este comeza cun contexto, unha exposición dos principios seguido dun conxunto de retos, os diversos eixes que afronta, un gráfico das liñas de impacto, un resumo gráfico de eixes estratéxicos e liñas e as dez liñas de impacto. Debido a súa extensión, nesta entrada centrareime nos principios e nos retos do programa.
Creo que debemos ler detalladamente o apartado de contexto, xa que consta de diversas informacións importantes como que o ensino e aprendizaxe das linguas permite traballar e estudar noutros países da Unión Europea. Ademais, destaca a importancia da competencia plurilingüe, xa que é unha das competencias clave que aparece no currículo e no Marco Común Europeo e, polo tanto, debe de ser respectada. Cabe resaltar a importancia de linguas como o inglés que é considerada unha das linguas máis estudadas, xa que permite comunicarse cunha parte moi importante da poboación mundial, o francés, que é un dos idiomas máis estudados e o portugués, idioma do noso país veciño. No contexto tamén atopamos algo que me parece importante, xa que aparecen os progresos que se fixeron con este programa en Galicia nunha soa década, é dicir, desde 2010 a 2020. Na seguinte táboa, anotei os cambios máis significativos onde é posible ver o impacto positivo que tivo esta estratexia no ámbito da educación de linguas estranxeiras.
|
Balance do progeso en Galicia |
2010-2020 |
|
Centros
sostidos con fondos públicos que participan en programas de plurilingüismo |
|
|
Alumnos
e alumnas galegos con ensino plurilingüe |
17.000
- 160.000 |
|
Centros educativos que formaban parte do modelo
plurilingüe |
58 - 423 |
|
Seccións bilingües autorizadas |
1.519 - 4.647 |
|
Centros
con auxiliares de conversa |
61
- 800 |
|
Ensinanza
especializada de idiomas |
31
- 41 |
Este programa tamén ten catro principios que se deben cumprir:
1. Aprendizaxe ao longo da vida: é a interacción con un ou máis idiomas estranxeiros ao longo das etapas educativas. Considero que é importante este principio, xa que a educación é un proceso que dura toda a vida e polo tanto, a aprendizaxe de linguas estranxeiras tamén é algo constante e continuo. Ao longo da vida, debemos ir mellorando o proceso de aprendizaxe de forma máis autónoma, é dicir, impulsando e fomentando a nosa autoaprendizaxe.
2. Educar para o desenvolvemento sostible e a cidadanía mundial: é a busca dun incremento de mobilidade do alumnado e docentes, así como un fomento de conexións entre centros educativos para garantir a internalización. O alumnado debe estar preparado para contribuír ao desenvolvemento sostible a nivel global. Ademais, débese fomentar a interconexión entre as propias institucións educativas.
3. Equidade, inclusión e igualdade de oportunidades: establécense oportunidades formativas para o alumnado que desexe vivir experiencias, tanto a nivel nacional como internacional, durante o período escolar e no período non lectivo. Este principio é importante xa que é un dos obxectivos da lei de educación vixente, a educación debe rexerse polo principio de equidade e fomentar unha educación de calidade.
4. Usar as tecnoloxías da información e a comunicación: o uso das tecnoloxías é vantaxoso para establecer relacións e facilitar e mellorar o proceso de aprendizaxe dunha lingua estranxeira. Este principio é fundamental na sociedade actual xa que a competencia dixital é unha das competencias clave do currículo. O alumnado debe empregar as novas tecnoloxías como ferramentas que facilitan o proceso de ensinanza-aprendizaxe, neste caso dunha lingua estranxeira.
Con respecto aos retos, Edulingüe 2030 consta de seis:
1. Internalización educativa. Do mesmo xeito que expliquei anteriormente cos principios, unha busca constante da mobilidade internacional e unha cooperación entre os centros co obxectivo de conseguir esta internalización educativa é necesaria.
2. Desenvolvemento persoal, académico e profesional. Este desenvolvemento conséguese a través do fomento da internalización entre estudantes e familiares. Polo tanto, cabe destacar a importancia desta internalización como elemento transformador a nivel persoal, académico e profesional.
3. Comunicación intercultural. A través da aprendizaxe de linguas, o alumnado pode apreciar a diversidade cultural e a comunicación intercultural. O respecto polas distintas culturas é un reto que debe de cumprirse e pode fomentarse a través do estudo de distintas linguas estranxeiras.
4. Relacións internacionais. Estas relacións poden acadarse de forma máis persoal ou profesional, grazas á aprendizaxe de habilidades comunicativas. Persoalmente, creo que estas habilidades deben axudar a adquirir unha lingua e a comunicarse mediante ela sen dificultade.
5. Empregabilidade. Cando o alumnado remate a súa formación académica, é importante facilitar e fomentar a súa empregabilidade e mobilidade. Este reto ten en conta o futuro máis próximo dos estudantes e trata de favorecer os seus movementos posteriores.
6. Garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade. Este reto é un dos máis importantes, xa que un dos obxectivos principais da lei educativa actual é garantir unha educación de calidade que inclúa a todo ao alumnado desde un trato igualitario. Todo isto debe entenderse de forma máis específica no estudo de linguas estranxeiras e sen deixar de lado a Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible.
Desde o sistema educativo galego, búscase que o alumnado acade unha competencia comunicativa en linguas estranxeiras e para iso, oferta bastantes actividades que poden axudar a completar este obxectivo. Deixo esta imaxe que aparece no documento onde se mostran todas as liñas de impacto que se propoñen. No documento atoparedes máis información!
Este comentario ha sido eliminado por el autor.
ResponderEliminarOla, Antía:
ResponderEliminarPrimeiro, a túa entrada pareceume moi interesante e persoalmente non coñecía o programa galego Edulingüe 2030. Penso que é moi necesario, xa que a impresión que teño desde que son estudante é que o alumnado non acada os coñecementos en lingua estranxeira, neste caso referíndome ao inglés, esperados. Xeralmente comezamos a ter clases de inglés desde moi novos, ao redor dos cinco anos ou incluso antes, pero ao rematar a ESO son poucos os estudantes que conseguen un nivel B1, que é o que se pretende. Tamén me pareceu relevante a fincapé que se fai no estudo das linguas estranxeiras sen promover só o inglés, pois tamén se fala do portugués ou o francés.
Sorprendeume sobre todo a consecución dos obxectivos que se propuxeran para a década 2010-2020, pois o alumnado con ensinos plurilingües aumentou en 143 000 persoas, á nosa comunidade veñen 739 auxiliares de conversa máis, aumentaron os centros con formacións plurilingües, etc.
Con respecto aos principios e retos que o programa pretende conseguir, na miña opinión, van moi en consonancia co curriculum e coa lei educativa vixente, xa que se centra na mellora da convivencia internacional e na importancia da lingua estranxeira para esa fin, na igualdade de oportunidades académicas para todo o alumnado, o respecto cara outras culturas e o uso das TIC.
Finalmente, creo que é un programa moi importante e necesario, xa que penso que está ben adaptado ás necesidades actuais respecto as linguas estranxeiras. Por un lado fala de empregabilidade, pois o coñecemento de idiomas é un incentivo cara a contratación. Por outro lado, fala de mobilidade, que é unha das razóns que animan ao alumnado de secundaria a aprender linguas estranxeiras, pois poden viaxar con tranquilidade e realizar programas de intercambio.
Un saúdo,
Alejandra