Tema 2. Marco común europeo de referencia para as linguas. Obxectivos, métodos e prioridades da política lingüística europea (Carla)

 Edulingüe 2030

Na sesión dedicada a explicar o tema 2, falamos do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas e sobre os distintos obxectivos, métodos e prioridades da política lingüística europea. Relacionado con este tema, a docente introduciu Edulingüe, un programa que non coñecía e que chamou a miña atención. Polo tanto, estiven a investigar máis polo miúdo sobre o programa e os seus obxectivos.


Estiven investigando e atopei a Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras Edulingüe 2030: Edulingüe 2030. Este documento de trinta e catro páxinas está actualizado e contén os principios e retos que se queren conseguir ata o 2030 con respecto ás linguas estranxeiras. É unha estratexia realizada pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, que teñen como eixes principais expandir e afianzar a internalización do sistema educativo galego para favorecer a cidadanía global.


O documento consta de diferentes apartados realmente interesantes e concretos. Este comeza cun contexto, unha exposición dos principios seguido dun conxunto de retos, os diversos eixes que afronta, un gráfico das liñas de impacto, un resumo gráfico de eixes estratéxicos e liñas e as dez liñas de impacto. Debido a súa extensión, nesta entrada centrareime nos principios e nos retos do programa.


Creo que debemos ler detalladamente o apartado de contexto, xa que consta de diversas informacións importantes como que o ensino e aprendizaxe das linguas permite traballar e estudar noutros países da Unión Europea. Ademais, destaca a importancia da competencia plurilingüe, xa que é unha das competencias clave que aparece no currículo e no Marco Común Europeo e, polo tanto, debe de ser respectada. Cabe resaltar a importancia de linguas como o inglés que é considerada unha das linguas máis estudadas, xa que permite comunicarse cunha parte moi importante da poboación mundial, o francés, que é un dos idiomas máis estudados e o portugués, idioma do noso país veciño. No contexto tamén atopamos algo que me parece importante, xa que aparecen os progresos que se fixeron con este programa en Galicia nunha soa década, é dicir, desde 2010 a 2020. Na seguinte táboa, anotei os cambios máis significativos onde é posible ver o impacto positivo que tivo esta estratexia no ámbito da educación de linguas estranxeiras.

 

Balance do progeso en Galicia

 

 

2010-2020

 

Centros sostidos con fondos públicos que participan en programas de plurilingüismo

 

 

 25% -75%

 

Alumnos e alumnas galegos con ensino plurilingüe

 

 

17.000 - 160.000

 

Centros educativos que formaban parte do modelo plurilingüe

 

 

58 - 423

 

Seccións bilingües autorizadas

 

 

1.519 - 4.647

 

Centros con auxiliares de conversa

 

 

61 - 800

 

Ensinanza especializada de idiomas

 

 

31 - 41


Este programa tamén ten catro principios que se deben cumprir:

1. Aprendizaxe ao longo da vida: é a interacción con un ou máis idiomas estranxeiros ao longo das etapas educativas. Considero que é importante este principio, xa que a educación é un proceso que dura toda a vida e polo tanto, a aprendizaxe de linguas estranxeiras tamén é algo constante e continuo. Ao longo da vida, debemos ir mellorando o proceso de aprendizaxe de forma máis autónoma, é dicir, impulsando e fomentando a nosa autoaprendizaxe.

2. Educar para o desenvolvemento sostible e a cidadanía mundial: é a busca dun incremento de mobilidade do alumnado e docentes, así como un fomento de conexións entre centros educativos para garantir a internalización. O alumnado debe estar preparado para contribuír ao desenvolvemento sostible a nivel global. Ademais, débese fomentar a interconexión entre as propias institucións educativas.

3. Equidade, inclusión e igualdade de oportunidades: establécense oportunidades formativas para o alumnado que desexe vivir experiencias, tanto a nivel nacional como internacional, durante o período escolar e no período non lectivo. Este principio é importante xa que é un dos obxectivos da lei de educación vixente, a educación debe rexerse polo principio de equidade e fomentar unha educación de calidade.

4. Usar as tecnoloxías da información e a comunicación: o uso das tecnoloxías é vantaxoso para establecer relacións e facilitar e mellorar o proceso de aprendizaxe dunha lingua estranxeira. Este principio é fundamental na sociedade actual xa que a competencia dixital é unha das competencias clave do currículo. O alumnado debe empregar as novas tecnoloxías como ferramentas que facilitan o proceso de ensinanza-aprendizaxe, neste caso dunha lingua estranxeira.


Con respecto aos retos, Edulingüe 2030 consta de seis:


1. Internalización educativa. Do mesmo xeito que expliquei anteriormente cos principios, unha busca constante da mobilidade internacional e unha cooperación entre os centros co obxectivo de conseguir esta internalización educativa é necesaria.

2. Desenvolvemento persoal, académico e profesional. Este desenvolvemento conséguese a través do fomento da internalización entre estudantes e familiares. Polo tanto, cabe destacar a importancia desta internalización como elemento transformador a nivel persoal, académico e profesional.

3. Comunicación intercultural. A través da aprendizaxe de linguas, o alumnado pode apreciar a diversidade cultural e a comunicación intercultural. O respecto polas distintas culturas é un reto que debe de cumprirse e pode fomentarse a través do estudo de distintas linguas estranxeiras.

4. Relacións internacionais. Estas relacións poden acadarse de forma máis persoal ou profesional, grazas á aprendizaxe de habilidades comunicativas. Persoalmente, creo que estas habilidades deben axudar a adquirir unha lingua e a comunicarse mediante ela sen dificultade. 

5. Empregabilidade. Cando o alumnado remate a súa formación académica, é importante facilitar e fomentar a súa empregabilidade e mobilidade. Este reto ten en conta o futuro máis próximo dos estudantes e trata de favorecer os seus movementos posteriores.

6. Garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade. Este reto é un dos máis importantes, xa que un dos obxectivos principais da lei educativa actual é garantir unha educación de calidade que inclúa a todo ao alumnado desde un trato igualitario. Todo isto debe entenderse de forma máis específica no estudo de linguas estranxeiras e sen deixar de lado a Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible.


Desde o sistema educativo galego, búscase que o alumnado acade unha competencia comunicativa en linguas estranxeiras e para iso, oferta bastantes actividades que poden axudar a completar este obxectivo. Deixo esta imaxe que aparece no documento onde se mostran todas as liñas de impacto que se propoñen. No documento atoparedes máis información!



Fonte: Estratexia Edulingüe 2030


Espero que vos gustara esta pequena análise de Edulingüe 2030!! Calquera dúbida que teñades, podedes consultar o documento completo (Edulingüe 2030) e tamén podedes atopar máis información sobre distintos programas europeos (Programas europeos).

Comentarios

  1. Este comentario ha sido eliminado por el autor.

    ResponderEliminar
  2. Ola, Antía:
    Primeiro, a túa entrada pareceume moi interesante e persoalmente non coñecía o programa galego Edulingüe 2030. Penso que é moi necesario, xa que a impresión que teño desde que son estudante é que o alumnado non acada os coñecementos en lingua estranxeira, neste caso referíndome ao inglés, esperados. Xeralmente comezamos a ter clases de inglés desde moi novos, ao redor dos cinco anos ou incluso antes, pero ao rematar a ESO son poucos os estudantes que conseguen un nivel B1, que é o que se pretende. Tamén me pareceu relevante a fincapé que se fai no estudo das linguas estranxeiras sen promover só o inglés, pois tamén se fala do portugués ou o francés.
    Sorprendeume sobre todo a consecución dos obxectivos que se propuxeran para a década 2010-2020, pois o alumnado con ensinos plurilingües aumentou en 143 000 persoas, á nosa comunidade veñen 739 auxiliares de conversa máis, aumentaron os centros con formacións plurilingües, etc.
    Con respecto aos principios e retos que o programa pretende conseguir, na miña opinión, van moi en consonancia co curriculum e coa lei educativa vixente, xa que se centra na mellora da convivencia internacional e na importancia da lingua estranxeira para esa fin, na igualdade de oportunidades académicas para todo o alumnado, o respecto cara outras culturas e o uso das TIC.
    Finalmente, creo que é un programa moi importante e necesario, xa que penso que está ben adaptado ás necesidades actuais respecto as linguas estranxeiras. Por un lado fala de empregabilidade, pois o coñecemento de idiomas é un incentivo cara a contratación. Por outro lado, fala de mobilidade, que é unha das razóns que animan ao alumnado de secundaria a aprender linguas estranxeiras, pois poden viaxar con tranquilidade e realizar programas de intercambio.

    Un saúdo,
    Alejandra

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

Tema 11. A avaliación na aula de linguas estranxeiras (Cristina)

Tema 3. Os niveis de referencia de aprendizaxe de linguas e o desenvolvemento de competencias (Carla)