Tema 6. As programacións didácticas vixentes (Gonzalo)

 As programacións didácticas vixentes


Na sesión dedicada á unidade 6, tratamos distintos aspectos realmente interesantes. Estivemos a falar dun tema que persoalmente considero moi importante e do que ata ese momento non tiña demasiada información, as oposicións. Máis concretamente, falamos do proceso de acceso a estas oposicións e o seu baremo. Ademais, falamos máis sobre as distintas partes da oposición ás que nos teremos que enfrontar se queremos presentarnos nun futuro a estas en Galicia. Finalmente, traballamos con programacións didácticas e tivemos que realizar unha entre todo o grupo-aula.


Con respecto ás oposicións, axudoume moito a explicación do docente, xa que persoalmente gustaríame presentarme próximamente. Entre todos, limos as diapositivas e comenzamos un diálogo no que se podían facer preguntas sobre o que non quedaba claro. Deste xeito, tivemos a oportunidade de preguntar o que nos interesaba ou as dúbidas que tiñamos sobre isto, e quen mellor que o profesor para responder. Agradezo enormemente que se tratara este tema na aula, xa que creo que ao igual que a min, pode interesarlle a moita xente.


Sorprendeume bastante o documento sobre o baremo e a puntuación que dan a cada mérito. Por exemplo, eu sabía que se outorgaban puntos por ter certas certificacións de idiomas mais non sabía canto, polo que ter este baremo con nós para poder consultalo é sumamente importante. Ademais, non coñecía con exactitude en que consistían as distintas partes da oposición como por exemplo a primeira proba relacionada co nivel de inglés. É importante ser conscientes das probas e partes que teremos que superar á hora de presentarnos a estas oposicións, polo que esta sesión considéroa realmente útil.


Na segunda parte da clase, centrámonos nas programacións didácticas. A tarefa que nos encargou o docente tiña dúas partes. Primeiramente, tivemos que elaborar en grupos as distintas partes dunha programación didáctica que despois xuntamos. Deste xeito, conseguimos unha programación completa e preparada para levarse a cabo. Para realizar esta tarefa, tivemos que utilizar unha ferramenta chamada Mentimeter na que puidemos votar para decidir a materia e o curso no que basear a nosa programación e posterior unidade didáctica. Persoalmente, non coñecía esta ferramenta mais considero que pode ser moi efectiva nas aulas. Gustoume moito, xa que é unha forma de involucrar ao alumnado e que este poida tomar certas decisións á hora de traballar nas clases. Sen dúbida, gardo esta idea para cando sexa docente e considere necesario que o alumnado exprese as súas preferencias, como se fixo neste caso. Ademais, o feito de que cada grupo se ocupase dunha parte pareceume unha moi boa idea, xa que unha programación enteira para cada persoa ou minigrupo é bastante cantidade de traballo. Deste xeito, cada grupo centrouse nunha soa parte, polo que puido analizala e deseñala en máis detalle. No meu grupo, tivemos que traballar coas actividades complementarias. A verdade é que non sabía moito sobre que tipo de actividades se podían incluír aquí mais ao buscar máis información, atopamos distintas ideas como charlas, entrevistas ou algún que outro proxecto.



A segunda parte consistiu en facer unha unidade didáctica, neste caso individualmente, axudándonos da programación realizada por nós previamente. A idea era que nos inspirásemos na programación que fixemos entre todos para que nos resultase moito máis doada a actividade. Aínda que nos podíamos basear nesa programación para facer a nosa unidade, ao ter feita unha unidade para a materia de Deseño Curricular, puiden aplicar moitos dos elementos que xa tiña pensados e creados. Na unidade realizada para a outra materia, tivemos que incluír moitos aspectos e elementos que non son necesarios nas oposicións. De feito, para as oposicións debemos deseñar quince unidades didácticas que deben ocupar unhas sesenta páxinas en total e a miña primeira unidade didáctica ocupa unhas trinta páxinas aproximadamente. Si, en definitiva, debemos reducir estas unidades e poñer unicamente a información relevante. A realización desta unidade axudoume bastante a saber que é o que se pide no contexto das oposicións e así axustarme máis á normativa. Déixoa por aquí por se a queredes consultar:



Esta clase axudoume moito a entender mellor o proceso das oposicións, tanto o procedemento para acceder como as probas que se deben realizar. Penso que este tema pódelle interesar a moito alumnado deste Mestrado, polo que traer este tema ás aulas é unha boa idea. En moitos casos, este alumnado quere facer oposicións ao seu remate e creo que pode ser de axuda este tipo de explicacións. Tamén, hai moito alumnado que non sabe o que vai facer despois de rematar o ano, polo que sempre está ben dar a coñecer as distintas opcións que hai como é, neste caso, a oposición. Ademais, as programacións e as unidades didácticas son moi importantes nas oposicións, xa que son unha parte obrigatoria. Deste xeito, a realización destas dúas facilita moito o traballo que teremos que facer na súa preparación. Por unha banda, axúdanos a coñecer como é o proceso de realización tanto da programación como da unidade e por outra banda, estas unidades que estou realizando, xa me serven para utilizalas nun futuro.


Comentarios

  1. Ola, Antía!

    Concordo contigo na maioría de aspectos que comentas sobre o tema, xa que considero que foi sumamente útil que o docente nos proporcionara máis información sobre as oposicións. Grazas ao material que nos brindou e ao baremo dos méritos, podemos ir preparando certificados de linguas que poden ser proveitosos, á parte de cursos que nos poden axudar a sumar puntos. Creo que esa parte da sesión foi especialmente atractiva para a maioría de nós e gustaríame que se seguisen introducindo este tipo de temas na aula.

    No que respecta ás programacións e ás unidades didácticas, penso que fixeches un resumo axeitado de todo o proceso e tamén estou de acordo na utilidade da plataforma Mentimeter, xa que é imprescindible que, como docentes, teñamos en conta os intereses do alumnado e a súa opinión á hora de desenvolver distintas actividades. Neste sentido, creo que as unidades didácticas son ferramentas valiosas para guiar a execución práctica das clases, posto que proporcionan detalles específicos sobre como abordar temas particulares e como avaliar ao alumnado.

    De todos os xeitos, é evidente que o concepto que tiñamos de unidade didáctica antes de abordar o tema seis non era realista nin se identificaba cos requisitos que se esixen no sistema de oposicións. Por iso, considero que este foi un tema de gran axuda para todo o grupo, de xeito que nos proporcionou recursos e actualizou os nosos coñecementos.

    Moitas grazas pola túa aportación, creo que expuxeches moi ben todos os contidos tratados, así que estarei atenta ás túas próximas publicacións.

    Un saúdo,
    Ariadna.

    ResponderEliminar
  2. Boas Antía,

    Sen dúbida a primeira parte da sesión foi moi interesante debido á información que se nos foi proporcionada sobre as oposicións. A min tamén me sorprendeu e me resultou interesante o documento que ten relación co baremo e puntuación por cada mérito persoal. Ter este documento podenos axudar a ser realistas con nós mesmos, xa que podemos calcular grosso modo os puntos que podemos obter cos méritos.

    Tamén me pareceu interesante a ferramenta Mentimeter que usamos para decidir a materia e curso para a nosa programación e UD. Coma ti, eu tamén me gardarei esta ferramenta para un futuro xa que creo que pode ser de gran uso nas aulas debido a que se acelera o proceso da toma de decisións radicalmente, ao mesmo tempo que todos e todas as integrantes expresan a súa opinión. Cabe resaltar a forma de traballar para crear a programación a cal me parece bastante adecuada, xa que, en minigrupos tivemos que organizarnos para buscar a información necesaria para engadila posteriormente a un documento conxunto.



    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

Tema 2. Marco común europeo de referencia para as linguas. Obxectivos, métodos e prioridades da política lingüística europea (Carla)

Tema 11. A avaliación na aula de linguas estranxeiras (Cristina)

Tema 3. Os niveis de referencia de aprendizaxe de linguas e o desenvolvemento de competencias (Carla)