Tema 5. O deseño curricular base para as linguas estranxeiras (Gonzalo)
As tres primeiras sesións da materia As linguas Estranxeiras no Contexto Español e Internacional foron realmente interesantes e estiveron cheas de actividades que creo que a súa integración na aula é de moita utilidade. As sesións foron bastante prácticas polo que se fixeron moi amenas, algo que agradezo como alumna xa que as sesións de catro horas son difíciles de seguir. Nesta sesións, descubrín ferramentas e métodos de traballo que me servirán na miña futura práctica docente xa que son dinámicas, incitan a participación e axudan a asimilar conceptos complexos.
A primeira sesión foi unha clase de presentación da materia e foi empregada para facer un repaso dalgúns aspectos do currículo anteriormente vistos. Repasamos algúns elementos e outros foron explicados, xa que como alumnado tiñamos dúbidas e necesitábamos unha maior reflexión sobre algúns. Desta sesión, gustaríame destacar os wooclaps, xa que foi unha boa técnica para traballar con información que xa coñeciamos dun xeito dinámico e innovador. Outra actividade que me gustaría comentar foi o debate piramidal que fixemos, xa que persoalmente ao longo da miña traxectoria como estudante non fixen moitas actividades así e pareceume moi útil. A actividade consistiu en que por parellas tiñamos que pensar unha definición de currículo, despois tivemos que compartir esta definición en grupos de catro, de seis e de oito, ata chegar a unha definición conxunta de todo o grupo-aula. Sempre tiña que haber un portavoz de cada grupo e este debía ir rotando para que todos participásemos nalgún momento na actividade.
O debate piramidal pareceume interesante, xa que con el pódense traballar varios aspectos importantes. En primeiro lugar, trabállase con contido real xa que entre todos conseguimos unha definición de currículo, un concepto fundamental desta materia. En segundo lugar, traballamos a participación na aula dun xeito dinámico, cada alumno é portavoz de si mesmo polo que xa está dando a súa opinión e a súa achega. Este método é moi útil xa que potencia a participación para todo o grupo, en especial para as persoas máis tímidas ou que non lles gusta tanto participar nas aulas. Esta dinámica utilizareina na miña futura práctica docente cando necesite que os estudantes recorden un concepto e a súa definición ou cando fagamos algún debate, xa que creo que pode axudar ao alumnado a aprender dun xeito máis rápido incluíndo a cada un deles no proceso de realización da actividade.
A segunda sesión estivo baseada nun traballo en grupo para poñer en práctica moitos dos conceptos da clase anterior e afondar máis neles. Ademais, esta tarefa realizámola por grupos de tres polo que traballamos a cooperación. Cada grupo tiña uns elementos do currículo que debía investigar, redactar e reflectir nunha presentación para compartilo con todo o grupo-aula. Creo que é moi importante desde o rol de docente fomentar o traballo en equipo xa que grazas a este tipo de dinámicas, o alumnado desenvolve valores fundamentais como a iniciativa, a empatía e o respecto cara as ideas e comentarios dos demais. Este traballo foi complexo mais serviume para traballar co currículo e comprendelo tras unha análise exhaustiva. Desde o meu punto de vista, traballar en grupos foi de gran utilidade, xa que tratar elementos de fontes oficiais non é doado, polo que contrastar información cos compañeiros facilitou moito o traballo. Mediante o traballo en equipo, poñemos en práctica aspectos relevantes como a cooperación e a coordinación, o resultado final ten que reflectir unha boa compenetración entre os integrantes do grupo. Para rematar a clase, o docente asignou a cada un de nós un apartado sobre a Escola Oficial de Idiomas para que o leramos e fixésemos unha diapositiva para a seguinte sesión.
Finalmente, tivemos unha terceira e última sesión para rematar con este primeiro tema no que fixemos as presentacións orais dos traballos realizados na anterior sesión. Deste xeito, explicámoslles aos nosos compañeiros todo o contido no que estivemos a traballar para que así todos aumentaramos o noso coñecemento sobre os elementos máis relevantes do currículo, tanto xeral como específico da materia de Primeira Lingua Estranxeira. A través destas presentacións, descubrín cuestións que non coñecía do currículo e grazas a escoitar aos meus compañeiros e compañeiras puiden entender e reflexionar sobre elas. Por exemplo, a información sobre a Formación Profesional axudoume, xa que unha das saídas do Mestrado de Linguas Estranxeiras é como docente de FP. Polo tanto, toda a información recollida na presentación das compañeiras foime de moita utilidade para entender as esixencias, a normativa e a estruturación nese ámbito.
Non só tivemos que traballar conceptos do currículo de forma teórica, tamén puxemos en práctica outros aspectos como a autoavaliación e a coavaliación. Persoalmente, eu non entendía exactamente como funcionaban ata que tivemos que levalas á práctica. O docente facilitounos unha rúbrica onde se valoraban do 1 ao 5 certos puntos como o contido, a estrutura, o deseño, a fundamentación, a valoración persoal e crítica e a expresión oral e eficacia expositiva. Polo tanto, tivemos que valorarnos como grupo seguindo esa rúbrica (autoavaliación) e valoramos a outro grupo (coavaliación). Deste xeito, aprendemos como funcionaba este tipo de avaliación e como funcionaban as rúbricas. Con respecto á rúbrica, en primeiro lugar, gustaríame resaltar que non foi necesario avaliar dando a puntuación numérica recollida nesta, algo que creo que é beneficioso á hora de avaliar e ser avaliado. Valorar con palabras e argumentar axuda a intentar mellorar o traballo e este non queda reducido a unha simple calificación numérica. En segundo lugar, coñecer a rúbrica é fundamental, xa que se usará para avaliarnos o traballo que teremos que facer individualmente ao final da materia.
Para rematar a clase, presentamos as nosas diapositivas sobre a EOI, polo que agora todos coñecemos máis sobre a súa organización e requisitos. Esta técnica tivo resultados positivos xa que entre todos fixemos unha presentación completa e aprendemos datos interesantes da EOI. Todas as actividades deste tema foron dinámicas e efectivas, moito máis que se o docente explicara todos os conceptos de forma teórica nas sesións.
Ola, Antía!
ResponderEliminarCoincido contigo en que o dinamismo nas aulas resulta imprescindible, sobre todo se estas teñen a duración de catro horas como acontece no noso caso. Ademais, como ben dis, moitos dos conceptos que se nos explican non acabamos de asimilalos por completo ata que non os levamos a práctica e conseguimos reforzar a información e apreciar a súa utilidade. Por outra banda, os momentos compartidos de exposición de experiencias nútrennos en canto a abrir as nosas posibilidades e visionar outras perspectivas.
Noraboa pola túa entrada e un saúdo!
Xoana.
Ola, Antía! Estou totalmente de acordo contigo á hora de dinamizar as clases. Como ben esclareciches con esta entrada, a actividade piramidal é unha forma máis de repasar un contido na aula. Eu tamén me decatei das súas vantaxes e anotei todos os pasos desta actividade nos meus apuntes (como quen garda un tesouro) para as miñas futuras clases coma docente. Considero que é unha forma moi práctica de reforzar un temario específico, de darte conta (ti, como maestra) de se o transmitiches ben aos teus alumnos e de permitir participar activamente a toda a clase. De feito, isto é unha das cousas que máis me gusta desta formación: descubrir novas formas de ensinar, novos exercicios, distintas plataformas e aplicacións... Coido que a nosa labor como profesoras consistirá en converter as clases de linguas estranxeiras en intercambios de ensinanza-aprendizaxe apetecibles para os nosos alumnos e para nós tamén, por suposto!
ResponderEliminarUn saúdo, compañeira :)
Este comentario ha sido eliminado por el autor.
ResponderEliminarOla Antía,
ResponderEliminarNon podo coincidir máis coas opinións persoais que expós nesta entrada. Catro horas é moito tempo para estar concentrado de xeito continuo en algo, polo que as actividades propostas por Gonzalo axudan enormemente a dinamizar o curso da sesión. Ademais, como ben dis, potencian que as persoas tímidas ou menos participativas na aula se integren con máis facilidade nas tarefas. Persoalmente, cústame bastante intervir nas sesións xa que non me gusta falar en público, pero creo que estas actividades fomentan a participación de persoas coma eu sen chegar a presionarnos e xerarnos ansiedade.
Doutra banda, estou completamente de acordo co que comentas sobre os tipos de avaliación e as rúbricas. Definitivamente, non ter que poñer unha nota numérica gustoume moito, xa que rompe co sistema que coñecemos dende cativos. Valorar con palabras é, tamén dende a miña perspectiva, moito más completo e proveitoso que reducir un traballo a un simple número. Cantas veces medín o meu valor como persoa en base a unha nota que obtivera nunha materia! E dubido ser a única...
Unha aperta,
Noe