Tema 1. O ensino de linguas no presente modelo educativo, estatal e autonómico (Carla)
QUE É TPRS?
Na sesión dedicada á explicación do tema 1, a docente explicounos numerosos aspectos da lexislación así como o papel que ten a ensinanza de linguas estranxeiras no modelo educativo, nacional e autonómico actual. Para tratar certos aspectos, fixemos un cuestionario con distintas preguntas nas que tiñamos que reflexionar sobre distintos puntos. Unha das preguntas facía referencia a se a literatura estaba máis presente na ensinanza de linguas no pasado ou na actualidade. Por unha banda, esta pregunta fíxome reflexionar sobre este tema xa que non o pensara anteriormente en detalle. Por outra banda, tiven clara a miña resposta, xa que actualmente a literatura quedou reducida a un segundo plano na ensinanza de linguas.
Creo que é importante pensar porqué sucede isto na actualidade. Persoalmente, considero que os profesores e profesoras de hoxe en día céntranse moito no proceso de ensinanza-aprendizaxe baseado na comprensión e expresión oral e escrita. Polo tanto, non queda tempo para analizar outros ámbitos e aspectos como pode ser a cultura ou a literatura. En moitos casos, a literatura que se ensina nas aulas consiste en que o alumnado lea algunhas obras literarias clásicas que non os motivan e fan que estes rexeiten dalgún modo a literatura. Ao longo de toda a miña vida desfrutei moito da literatura que se ensinaba nas aulas, tanto na educación secundaria e bacharelato como no Grao. Sempre que tiven a oportunidade de escoller entre literatura e lingüística, tiven clara a miña elección.
Considero que a literatura é fundamental nas clases mais creo que debe actualizarse dalgún modo. Durante a sesión, escoitei un termo que non coñecía ata ese momento e que me chamou a atención: TPRS (Teaching Proficiency through Reading and Storytelling). Polo tanto, investiguei en que consistía este método e en como o podía introducir nas aulas de linguas estranxeiras. Atopei un artigo chamado An Analysis of the Comprehensible Input of TPRS escrito por Li Qin que me axudou a comprender mellor en que consistía este método.
O TRPS foi creado por un profesor de español con moita experiencia chamado Blaine Ray nos anos 90. Este home aplicou este novo enfoque como método de ensinanza e expresou as vantaxes e inconvenientes que podía chegar a ter. Este é aplicado en numerosas aulas de América e en moitos países.
O autor do artigo explica os tres pasos fundamentais do método: establecer un significado, crear unha historia e practicar a lectura desta. En primeiro lugar, as estruturas e as palabras poden escribirse no taboleiro co seu significado para axudar aos estudantes no posterior uso delas. O profesor ou profesora pode empregar distintos xestos e símbolos para axudar ao alumnado a asociar mellor os significados ou preguntas e respostas personalizadas. En segundo lugar, o docente empeza a crear unha historia coas novas estruturas e pregunta ao alumnado por información clave para que estes acheguen as súas ideas, deseñen personaxes ou tramas que lles gusten. Isto tamén pode ser usado para comprobar que o alumnado comprende e segue sen problema a historia que se está a crear. En terceiro lugar, estas mesmas estruturas empréganse na lectura, polo que os estudantes reciben moita información que deben saber xestionar.
Neste artigo explícase que é o comprehensible input e a súa relevancia na ensinanza do TPRS. Este input é lingüístico e pode ser entendido polos oíntes, é dicir, os alumnos e alumnas, aínda que se empreguen palabras, expresións ou estruturas que non coñecen. Este pode realizarse mediante distintas técnicas como as anteriormente mencionadas: símbolos, xestos, preguntas, sinais ou outros recursos visuais. Persoalmente, considero que é unha boa forma de que adquiran novo vocabulario dun xeito práctico e non baseado na memorización. Ademais, os alumnos e alumnas sinten que están creando eles a historia, aínda que realmente o fío condutor sempre o leva o docente. Os estudantes están pendentes e atentos para non perderse nada e achegar as súas novas ideas para enriquecer a historia.
Despois de ler o artigo, quedáronme claros moitos aspectos importantes e vantaxes deste método. Considero que é un enfoque interesante no ensino de linguas estranxeiras xa que se centra no desenvolvemento da competencia comunicativa a través da narración dunha historia e da súa posterior lectura. A mellora da comprensión oral e as habilidades lingüísticas do estudante son o obxectivo principal deste método.
Creo que este enfoque axuda aos alumnos e alumnas en moitos aspectos. Os estudantes participan de maneira activa e colaborativa na creación dunha historia, polo que aprenden novo vocabulario e estruturas. Ademais, deben comprender a narración de forma oral prestando especial atención á pronunciación e entoación das palabras na lingua estranxeira. O alumnado ten un rol activo en todo momento na creación da historia achegando novas ideas, facendo e respondendo preguntas ou modificando a trama ao seu gusto persoal mais tamén ten un rol activo á hora de escoitar e ler a historia creada. A historia preséntase finalmente por escrito para que os estudantes relacionen o que escoitaron coa produción escrita e melloren tamén a súa comprensión lectora.
Despois de investigar e reflexionar sobre este método, penso que é unha boa estratexia pedagóxica na ensinanza de linguas estranxeiras. Penso que é importante que os alumnos e alumnas aprendan e adquiran novos coñecementos sen ser conscientes directamente disto, é dicir, que aprendan dun xeito natural e menos impostado. Este método fai que o alumnado se sinta protagonista do seu proceso de aprendizaxe. Tamén impulsa e fomenta a participación na aula xa que todos poden achegar as súas opinións e desexos cara ao desenvolvemento da historia.
Polo tanto, a literatura pode concibirse de diversas formas e non soamente desde un punto de vista tradicional. Considero que o TRPS pode ser un bo enfoque de literatura, xa que neste caso os estudantes son os creadores da historia. Os alumnos e alumnas son os encargados de crear a súa propia obra literaria desde dentro, aumentando así a súa motivación e esforzo por conservar e respectar a literatura.
Deixo dúas páxinas máis por se vos interesou este tema:
Comentarios
Publicar un comentario